Durante a fin de semana do 5 ao 7 de xullo, no marco das XIX Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar 2024, a Asociación Cultural Mar de Muros conseguiu reunir unha mostra a flote de 16 embarcacións tradicionais (7 de gran porte), de 13 diferentes tipoloxías representativas das nosas costas, desde as Rías Altas ata as Rías Baixas: galeóns, lanchas xeiteiras, todo tipo de dornas (xeiteiras, polbeiras, mecas, de tope e a elitista dorna nai), botes (non só de Noia, propio da nosa ría, senón tamén algún das Rías Altas), bucetas e canoas muradáns, e o noso buque insignia galego: o balandro Joaquín Vieta, embarcación de máis de 20 metros e dous mastros, construído en 1916 e recuperado e posto en valor pola asociación que leva o seu nome.
As embarcacións tradicionais e os seus 80 tripulantes participantes na mostra, acollidos polo Concello de Muros, arribaron ao porto de Muros procedentes de diferentes puntos da costa galega, para amosar toda a súa riqueza de cultura e tradición mariñeira, mantendo vivo o saber facer dos nosos carpinteiros de ribeira (declarado Ben de Interese Cultural). Puidemos ver en Muros o galeón San Pedro da Illa da Arousa, a lancha xeiteira de Canle de Lira, as dornas do Grove e Portonovo, o bote das Rías Altas de Patexeiros de Sada,… e, como non, as bucetas e botes de Noia da A.C. Terra de Outes.
Galeón de Abelleira
Galeón San Pedro
Co fin de poder gozar deste patrimonio vivo, leváronse a cabo unha serie de actividades como xornadas de navegación tradicional ou visitas guiadas ás embarcacións e á Mariña Tradicional de Muros- Mardevelas. Na tarde do venres, ademais de ver navegar este noso patrimonio marítimo pola abra de Muros, tivo lugar o tradicional izado de velas inaugural.
Tamén puidemos admirar a exposición de fotografía de Olláparo que foi instalada na propia mariña: unha visión artística da cultura mariñeira (aparellos, mascaróns,… ) captados nos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se veñen realizando cada dous anos en diferentes portos de Galicia, actividade estrela de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial).
E tivemos unha curiosa estampa das dornas de Arousa e un coche dalgún turista despistado que decidiu “atracar” na rampa de varada…
Desde o inicio destas xornadas a A.C. Mar de Muros leva colaborando co Concello de Muros na organización das mesmas, facendo exposicións relacionadas co patrimonio marítimo, conferencias ou presentación de revistas, traendo ademais ao porto de Muros unha boa mostra de tipoloxías de embarcacións presentes na nosa costa e tripulantes de todo o noso territorio.
Pero aínda que remate por este ano o Muros Mira ao Mar, a A.C. Mar de Muros continúa todo o ano no seu labor de conservación e difusión do patrimonio marítimo muradán, realizando saídas nas embarcacións tradicionais, onde se aprende non só navegación senón todo o relacionado co mundo do mar e as súas xentes.
MUROS MIRA AO MAR 2024 – Programación de mar – 24-07-05
Estas actividades forman parte da programación anual de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) e están apoiadas polo Concello de Muros e subvencionadas pola Deputación da Coruña.