Con este tempo tormentoso e tan inseguro, aproveitamos unha ventá de sol e vento favorable para levar o Mar de Muros ata o Freixo, para participar nas xornadas escolares de difusión da vela tradicional que organiza a A.C. Terra de Outes.

Aínda que iamos coa marea baixando (aspecto crítico para remontar da illa da Creba ao Freixo), os ventos portantes e o mar fixéronnos chegar axiña, cando aínda tiñamos calo suficiente para atravesar sen problema (xusto empezaba o fondo a escasear), os lombos de area do banco marisqueiro da Misela. Aproveitamos entón (unha vez superada a corrente do río), para facer uns traveses pola praia de Broña, e chegar, xa a última hora da tarde, co cambio de vento ao norte, sen problema ao naútico: ben, alí esperábanos Manoliño (o arroaz “residente” desta ría), que non dudou en “axudarnos” no atraque.

Non temos “rexistro gráfico”, pero durante a travesía atopámonos cunha gran manada de arroaces que estaban pescando, xunto coas gaivotas, e, como non podía ser doutro xeito, achegáronse a nós para acompañar a nosa singladura…