… e de Ribeira a Rianxo…

Este ano, que ben nos coincide todo! Non só puidemos ir por mar a Ribeira (e digo por mar e non navegando porque a travesía ata Ribeira complicouse un pouco: mar e vento en contra, non avanzábamos, e axiña o convoi que viña detrás de nós, que saíramos bastante antes en previsión de que eles meteran motor e nós queriamos ir a vela, entre outras couss porque non temos motor…, deunos caza cando acabáramos de pasar o Neixón, bolinado cara fóra, e non nos quedou outra que ir remolcados, Mar de Muros polo galeón de Abelleira, poderoso, e a Visenta polo balandro Punta Barbeira), que tamén foi posible enlazar varios eventos da ría de Arousa e a todos chegamos navegando.

Saímos cedo de Ribiera, aproveitando o vento a favor, casi todo en popa, e fumos librando dos chuvascos (apenas unhas pingas):

 

Unha bonita travesía sorteando pedras, bateas e as diferentes puntas que marcan a entrada a Rianxo: punta de Cabío, punta do Chazo, punta de Portomouro e xa, a enfilación ao peirao, o antgo, o tradicional…

E alí estaba esperándonos o alcalde, como bo anfitrión, recibindo ás embarcacións que participaríamos na homenaxe a Castelao o día da Patria.  Aínda que nós non íamos “vestidos para a ocasión”, procuramos deixar os noso barcos ben engalanados, para aumentar a visibilidade das embarcacións tradicionais neste porto tan emblematico.