A Virxe do Carme levaba tempo en terra, na fábrica de Sel, despois de pasaren o traballo de restaurala, cando a recuperamos da lama, onde se atopaba en Esteiro, a piques xa de estragarse para sempre. E os barcos, xa se sabe, que gustan do mar…
A Virxe do Carme é unha canoa muradán que mandou facer a Confraría de Pescadores de Muros, e estaba especialmente deseñada para competir en regatas de remo (que, nalgún tempo, estas embarcacións eran de madeira); é por iso que ten unha construción moi livián, para que non pesara moito e fose a máis rápida. Aínda que poidamos pensar que non, as mulleres tamén participaban naquelas regatas…
Da mágoa ver estas reliquias do pasado (que forman parte das nosas vidas, do noso patrimonio, da nosa cultura, de nos mesmos…) abandonadas e esquecidas, ocultas aos nosos ollos. Por esta razón, a A.C. Mar de Muros propuxémoslle á Confraría a recuperación desta peza tan singular para podela lucir no museo vivo que supón a Mariña Tradicional de Muros – Mardevelas:
A saída de Sel foi ao xeito tradicional, con roletes de pau…
Este foi un momento complicado, pois era cando entraba na inclinación da rampla, que non é pouca…
E o momento esperado: a Virxe do Carme ao mar! Estaba a Ostreira como “buque de apoio”, pois sabiamos que, despois de tanto tempo en seco, a Virxe do Carme ía coller auga como un cesto…
Manolo, que foi o gran promotor da recuperación porque lle apaixona remar, ía un pouco temeroso de non chegar seco ao pantalán da Mariña, e o noso reporteiro tivo que deixar a cámara e cambiala polo achicador.
A canoa quedou no pantalán entreaugas, pero esperemos en poucos días poder reflotala…
A Virxe do Carme é propiedade da Confraría de Pescadores de Muros.