Muros e o mar

Muros conformouse como vila no medievo arredor da actividades pesqueiras e do transporte marítimo. Foi o mar a súa fonte de recursos e actividade a través dos séculos. Hoxe conforma un conxunto histórico senlleiro no que son visibles as pegadas das distintas xeracións dando forma a unha vila que foi mudando no tempo, pero construída sempre arredor do porto e ao servizo da actividade mariñeira, sexan as propias vivendas mariñeiras ou as construcións específicas destinadas á transformación dos produtos do mar, salgaduras e conserveiras.

Malia a perda de boa parte dese inmenso patrimonio, Muros segue a vivir fundamentalmente do mar e do patrimonio natural da súa beiramar.

O Conxunto Histórico que os antergos nos legaron foi construído cos recursos tirados do mar polo traballo dos mariñeiros nas súas embarcacións. De maneira, entón, que a Mariña Tradicional vén sendo a cerna da súa identidade.

A Mariña Tradicional de Muros

Esta mariña ten a misión de preservar e pór ao servizo da veciñanza da bisbarra e dos visitantes os barcos que usaron as xeracións precedentes ata mediados do século XX. É, polo tanto, un recoñecemento á cultura mariñeira e ás súas xentes, ás dedicadas á pesca e ao transporte marítimo e ás que en terra trasfegaban e transformaban os produtos do mar. E quere ser tamén unha homenaxe aos carpinteiros de ribeira locais e de toda a ría que construíron estas preciosas xoias coa madeira que recadaban no propio monte e co saber facer que foron transmitindo de xeración en xeración adaptando fasquías e aparellos aos distintos caladoiros e artes de pesca.

As súas instalacións foron posibles grazas á colaboración de Portos de Galicia e ao patrocinio do GALP Costa Sostible a través dos fondos europeos FEMP.

A responsabilidade e xestión correspóndelle conxuntamente ás tres asociacións da bisbarra adicadas á salvagarda do patrimonio marítimo e que achegan as embarcacións que se exhiben.

As embarcacións da Mariña Tradicional de Muros

Esta mariña inicia a súa andaina cunha mostra aínda pequena de embarcacións tradicionais, pero representativas das tipoloxías máis importantes e abondosas ata mediados do século pasado neste porto e na contorna: o galeón, que era a raíña da cabotaxe para o transporte de mercadorías entre as rías, a buceta ou canoa adicada á pesca e ao marisqueo, e a emblemática lancha xeiteira adicada historicamente á pesca da sardiña coa arte do xeito.

Podes atopar máis información sobre as embarcacións tradicionais da Mariña Tradicional de Muros no ligazón de cada asociación.

Subvencionado pola Deputación da Coruña

Programa de actividades subvencionado pola Deputación da Coruña