Asociación Cultural Mar de Muros
Dende 2004 contribuimos á salvagarda do patrimonio e da cultura marítima de Muros e da súa contorna natural.
Temos ao noso coidado varias embarcacións tradicionais de vela coas que navegamos na ría de Muros para manter esta cultura viva e dárela a coñecer ás novas xeracións.
Desenvolvemos actividades ao longo do ano en Muros, como navegacións, formacións, obradoiros, limpezas de praias, tarefas de mantemento, coordinación de reparacions e, tamén, encargámonos das actividades de mar en Muros Mira ao Mar, o festival de cultura mariñeira de Muros.
Participamos activamente nos Encontros de Culturmar, celebrados noutras localidades galegas, e en multitude de eventos organizados arredor da cultura marítima tanto en Galicia como fóra dela, como é o caso de Esposende, Vila do Conde, Pasaia ou Brest, entre outras.
Formamos parte da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) xunto a outro medio cento de asociacións irmás, espalladas por toda a xeografía galega e do norte de Portugal. No 2009, participamos na organización do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrou na nosa vila.

Novas de Mar de Muros
As nosas embarcacións
Presentación
Mar de Muros é unha buceta xeiteira contruída en 2009 no estaleiro Abeijón Hermanos do Freixo. As bucetas son barcos de construción a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto), con proa e popa rectas, practicamente simétricas e pouco lanzadas. As súas dimensións son 5,96 m de eslora e 2,04 m de manga, que se corresponden aproximadamente coa razón 3:1, de referencia na contrución deste tipo de barcos. Vai aparellada tradicionalmente con vela de relinga sobre un mastro algo maior que a eslora do barco e lixeiramente inclinado a popa. Eran utilizadas principalmente para a pesca do xeito en zonas costeiras ou incluso en mar aberto.

Un pouco de historia
Foi construída con motivo do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrou en Muros en 2009, e desde aquela participa habitualmente en multitude de eventos relacionados co patrimonio marítimo tanto en Galicia como noutras localidades da península e de Europa. Está inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia co número co número SI.2022.34.CLA.
Subtipoloxía: Buceta xeiteira
Descrición xeral: Construción a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto), con proa e popa rectas, practicamente simétricas e pouco lanzadas.
Usos tradicionais: Utilizada para a pesca do xeito en zonas costeiras ou mar aberto.
Propulsión / Tipo de vela: Monta vela de relinga.
Eslora: 5,96 m
Manga: 2,04 m
Ano de construción: 2009
Estaleiro: Abeijón Hermanos (O Freixo)
Inscrición no Censo de EETT: Inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia co número SI.2022.34.CLA.
Presentación
A Visenta é unha canoa muradá, unha subtipoloxía das bucetas, con proa e popa rectas e simétricas pero máis lanzadas. É un barco de construción a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto) cunhas medidas de 5,15 m de eslora e 1,66 m de manga, que favorecen a propulsión a vela ou remo. Vai aparellada con vela mística cun martelo de pequenas dimensións sobre un mastro de lonxitude inferior á eslora do barco e unha verga moito maior, ostagada aproximadamente a un terzo da súa lonxitude (vela mística ao terzo). Eran utilizadas para a pesca costeira utilizando varias artes menores e tamén para a celebración de regatas a remo.
Un pouco de historia
Foi construída en 1934 e cedida á AC Mar de Muros polo seu propietario, Chevito de Lariño, tras anos de abandono en terra. Restaurouse en 2010 nun obradoiro de carpintaría organizado polo Concello de Muros e desde aquela participa habitualmente en multitude de actividades e eventos relacionados co patrimonio marítimo. Está inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia co número SI-2022-0033.CLA.

Subtipoloxía: Canoa muradá
Descrición xeral: Construción a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto), con proa e popa rectas, practicamente simétricas e lanzadas.
Usos tradicionais: Utilizada para a pesca costeira con varias artes menores.
Propulsión / Tipo de vela: Monta vela mística ao terzo.
Eslora: 5,15 m
Manga: 1,66 m
Ano de construción: 1934
Estaleiro: Descoñecido
Inscrición no Censo de EETT: Inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia co número SI-2022-0033.CLA.
Presentación
A Silvia Cristina é unha dorna polbeira típica das Rías Baixas, con especial presenza na Ría de Arousa aínda que escasa na Ría de Muros. Foi contruída en 1990 polo mestre Domingo Ayaso de Aguiño. As dornas, nas súas diferentes subtipoloxías, son barcos construídos a calime (as táboas móntanse superpoñendo cada unha sobre a anterior). Teñen a proa redonda e un pinchón característico, e popa en espello. Leva un temón de enormes proporcións que vai enterrado por baixo da quilla facendo a función de orza, e vai aparellada con vela de relinga sobre un mastro de dimensións semellantes á eslora. As súas dimensións son 4,40 m de eslora (tradicionalmente expresada como “dorna de oito cuartas”) e 1,60 m de manga. Eran utilizadas principalmente no interior das rías para a pesca costeira do polbo utilizando espello. Leva un viveiro no que se mantiña vivo o cebo.
Un pouco de historia
Esta dorna foi construída en Aguiño para Juan Antonio Franco Sánchez, veciño de Serres, e vendida posteriormente a Pedro París París, de Muros, quen a cedeu finalmente á AC Mar de Muros para o seu mantemento e uso na divulgación do noso patrimonio marítimo. Actualmente está en restauración na Escola “A Aixola” de Marín. Está inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia co número SI.2022.24.CLA.Subtipoloxía: Dorna polbeira
Descrición xeral: Construción a calime (as táboas do casco van montadas superpoñendo cada unha sobre a anterior), con proa redonda e pinchón característico, popa en espello e temón de enormes proporcións que vai enterrado por baixo da quilla facendo a función de orza.
Usos tradicionais: Utilizada para a pesca do polbo e outras especies en augas interiores das rías. Leva un viveiro no que se mantiña vivo o cebo.
Propulsión / Tipo de vela: Monta vela de relinga.
Eslora: 4,40 m (tradicionalmente fálase de dorna de “oito cuartas”)
Manga: 1,60 m
Ano de construción: 1990
Estaleiro: Domingo Ayaso (Aguiño)
Inscrición no Censo de EETT: Inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia co número SI.2022.24.CLA.
Presentación
A Virxe do Carme foi construída en 1983 nos estaleiros Domingo Amado López, do Freixo, polo mestre carpinteiro Manuel Rodríguez. O casco é de construción a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto), e presenta proa e popa rectas e practicamente simétricas, máis lanzadas que na buceta para favorecer a propulsión a remo. Ten eslora de 5,90 m (canoa de 22 cuartas) e 1,69 m de manga, medidas que gardan unha razón sensibelmente maior que 3:1, que é a razón de referencia na contrución tradicional das bucetas, procurando así unha maior eficiencia para a propulsión a remo. Este tipo de canoas teñen cascos máis lixeiros e son desprovistos de calquera elemento innecesario, como engaretados, corredores ou outros, co que resultan moito menos pesados gañando así en velocidade e manobrabilidade.

Un pouco de historia
A Virxe do Carme é unha canoa muradá construída para a Confraría de Pescadores de Muros coa finalidade de participar nas regatas a remo que tradicionalmente se celebraban na Ría de Muros (e noutras) para competir cos barcos e tripulacións doutros portos durante as festas e outras celebracións populares nas vilas mariñeiras. Tras entrar en risco abandono, a AC Mar de Muros trasladouna en 2018 a Muros e finalmente foi cedida en 2026 a esta asociación por parte da Confraría de Pescadores de Muros para o seu mantemento e dinamización como un elemento máis do noso patrimonio marítimo. Despois de varios traballos de restauración, o barco participa habitualmente na recuperación e salvagarda da práctica do remo tradicional e das regatas a remo, como parte da cultura das vilas mariñeiras nas que as bucetas e canoas teñen presenza e, en particular, na Ría de Muros, onde esta era unha das tipoloxías características.
Subtipoloxía: Canoa muradá
Descrición xeral: Construción a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto), con proa e popa rectas, practicamente simétricas e lanzadas.
Usos tradicionais: Utilizada para as regatas a remo nas festas e celebracións tradicionais das vilas mariñeiras.
Propulsión / Tipo de vela: Remo; arma un total de 5 remos de distintas medidas adaptados ás distintas posicións para vogar e á función de cada remo: dous remos de distinta lonxitude para vogar por cada costado máis un remo curto a popa que se usa como temón.
Eslora: 5,90 m (tradicionalmente expresado como 22 cuartas)
Manga: 1,69 m
Ano de construción: 1983
Estaleiro: Domingo Amado López (O Freixo); mestre carpinteiro Manuel Rodríguez
Inscrición no Censo de EETT: Non está inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia.
Presentación
A Ostreira é unha buceta contruída a tope (as táboas van colocadas canto sobre canto), con proa e popa rectas, practicamente simétricas e pouco lanzadas. As súas dimensións son 5,10 m de eslora e 1,76 m de manga, que se corresponden coa razón 3:1 coa que tradicionalmente eran construídos os barcos desta tipoloxía, e vai aparellada con vela de relinga. Eran utilizadas para a pesca costeira ou incluso en mar aberto, utilizando varias artes menores.
Un pouco de historia
A Ostreira foi construída pola Asociación de Veciños A Ostreira da Abelleira, baixo a dirección de Manuel Brea, con motivo da organización do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrou en Muros en 2009. En 2026 foi cedida á AC Mar de Muros para o seu mantemento e dinamización como un dos elementos característicos do patrimonio marítimo da nosa ría. Tras esta cesión o barco foi restaurado e navega habitualmente transmitindo os saberes e técnicas da vela e remo tradicionais.

Subtipoloxía:
Descrición xeral: Construción a tope (as táboas van montadas canto sobre canto), con proa e popa rectas, practicamente simétricas e pouco lanzadas.
Usos tradicionais: Utilizada para a pesca costeira e incluso en mar aberto con varias artes menores.
Propulsión / Tipo de vela: Monta vela de relinga.
Eslora: 5,10 m
Manga: 1,76 m
Ano de construción: 2009
Estaleiro: Mestre carpinteiro Manuel Brea
Inscrición no Censo de EETT: Non está inscrita no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia.
Embarcacións asociadas
Presentación
Texto en preparación

Próximas actividades na Mariña de Muros
- M
Visitas guiadas á Mariña Tradicional de Muros – Mardevelas
Luns, 30 Marzo 2026 - Xoves, 9 Xullo 2026De luns a xoves, ás 19:30
- M
Visitas guiadas á Mariña Tradicional de Muros – Mardevelas
Luns, 3 Novembro 2025 - Xoves, 26 Marzo 2026De luns a xoves, ás 17:30
- M
II obradorio teórico-práctico de navegación
Mércores, 21 Maio 2025 - 18:30











