A Mariña Tradicional de Muros

Esta mariña ten a misión de preservar e pór ao servizo da veciñanza da bisbarra e dos visitantes os barcos que usaron as xeracións precedentes ata mediados do século XX. É, polo tanto, un recoñecemento á cultura mariñeira e ás súas xentes, ás dedicadas á pesca e ao transporte marítimo e ás que en terra trasfegaban e transformaban os produtos do mar. E quere ser tamén unha homenaxe aos carpinteiros de ribeira locais e de toda a ría que construíron estas preciosas xoias coa madeira que recadaban no propio monte e co saber facer que foron transmitindo de xeración en xeración adaptando fasquías e aparellos aos distintos caladoiros e artes de pesca.

As súas instalacións foron posibles grazas á colaboración de Portos de Galicia e ao patrocinio do GALP Costa Sostible a través dos fondos europeos FEMP.

A responsabilidade e xestión correspóndelle conxuntamente ás tres asociacións da bisbarra adicadas á salvagarda do patrimonio marítimo e que achegan as embarcacións que se exhiben.

As embarcacións da Mariña Tradicional de Muros

Esta mariña inicia a súa andaina cunha mostra aínda pequena de embarcacións tradicionais, pero representativas das tipoloxías máis importantes e abondosas ata mediados do século pasado neste porto e na contorna: o galeón, que era a raíña da cabotaxe para o transporte de mercadorías entre as rías, a buceta ou canoa adicada á pesca e ao marisqueo, e a emblemática lancha xeiteira adicada historicamente á pesca da sardiña coa arte do xeito.