Expedición da AC Mar de Muros a Cabo de Cruz

V Xuntanza Mariñeira Mar de Cabo

Mar de Muros estivo presente a fin de semana do 4 ao 6 de setembro na V Xuntanza Mariñeira Mar de Cabo que se celebrou en Cabo de Cruz organizada pola ACTM A Gamela.

Nesta ocasión desprazamos tres barcos e 13 tripulantes, que se uniron ao resto de asociacións até completar un total de 22 barcos e case un cento de participantes que nos volvemos reunir en Cabo para desfrutar das actividades do programa nun sempre bo ambiente de amizade.

De Muros foron por terra os barcos Raqueiro, Ostreira e Virxe do Carme, esta última recentemente restaurada pola nosa asociación tras o acordo de cesión ao que chegamos coa Confraría de Pescadores de Muros, entidade propietaria do barco, para o seu uso e dinamización.

O venres pola tarde, tras a botadura e amarre dos barcos, puidemos asistir á presentación da xuntanza, seguida da presentación da exposición de fotografía mariñeira “As mulleres da Muller de Balboas“, obra de Hadriana Ordóñez Otero, e o monólogo “Contos con mar de fondo” a cargo de Caxoto, todo isto no restaurante Ronsel do Náutico de Cabo de Cruz, que colaborou coa Xuntanza. A continuación destes primeiros actos, a xornada inaugural rematou cos cantos de taberna por varios bares locais.

Para o sábado ficou reservado o prato forte da fin de semana, que comezou coas regatas de bucetas, nas que participaron varias tripulacións da nosa asociación, que cedeu ademais a Ostreira e a Virxe do Carme para que puidesen vogar outras tripulacións, até un total de catro mangas.

A primeira manga correspondeu ás canoas de 2 máis timonel, e as tres restantes, ás de 4 máis timonel. Nestas últimas, o equipo A de Mar de Muros, logrou un segundo posto vogando na Virxe do Carme cunha tripulación feminina, mentres que o equipo B logrou un terceiro posto tamén a bordo da Virxe do Carme.

Tras a entrega de bandeiras, os barcos participantes na Xuntanza puxemos proa á Bensa para o tradicional xantar na batea, que contou con música tradicional ao vivo e baile espontáneo por parte das tripulacións que se animaron a tomar os puntos.

A navegación á batea comezou con pouco vento e calor, que permitiu un baño antes do xantar, pero tornou algo máis complicada no regreso, en que se levantaron varias rachas de vento xa na bocana de Cabo, que obrigaron a varios barcos a tomar risos e incluso provocaron a rotura dun pau e unha quilla arriba, sen maiores consecuencias.

A noite rematou cun arroz mariñeiro e co concerto da banda “Exquisitos Ghipes de Merda”, ao que seguiron as actuacións de varias orquestras xa dentro do programa das festas locais do Castro.

O domingo non contou cun programa específico, polo que dedicamos o día á navegación libre e ás manobras de varada e regreso da Ostreira a Muros, onde xa ficou no mar xunto ao resto da nosa frota para continuar coas navegacións que a nosa asociación organiza de maneira permanente polas nosas augas.

Como remate desexamos enviar ás compañeiras da Gamela de Cabo unha aperta e os nosos parabéns polo éxito da Xuntanza, na que xa vai sendo unha longa historia de colaboración entre ambas asociacións en defensa da cultura mariñeira.

Vémonos na seguinte!

As bucetas preparadas para a regata

 

Equipo A de Mar de Muros, 2º vogando na Virxe do Carme

 

A Virxe do Carme e a Ostreira virando a boia

 

Parte das tripulacións de Mar de Muros

Entrega da bandeira dunha das regatas

 

Panorámica da batea coa frota amarrada