Fai dous anos, na anterior edición do Festival Marítimo de Pasaia, estaba comezando a restauración do bote de Maniños “Raqueiro”. Daquela pareceume unha boa idea facer unha escapada a Donosti a este encontro de tantas culturas mariñeiras, e así foi… catro días de goce e admiración por barcos artesanais que lembraban como vivían os nosos antepasados non tan afastados, compartindo unha sabedoría transmitida durante séculos por xente cunha sensibilidade especial para poñer en valor todo este patrimonio material e inmaterial. Dous anos despois volvo co bote restaurado… un soño feito realidade! Coa bandeira galega na punta do grátil da vela… catro días de coñecer e navegar con xente que comparte algo moi bonito… unha paixón… un espazo que nos fai libres.

Simón Canosa Blanco