Tras tres intensos días en que os barcos tradicionais puideron lucir as súas fasquías, zarparon da Mariña Tradicional de Muros – Mardevelas cara ás súos portos base, as embarcacións invitadas pola A.C. Mar de Muros, organizadora das actividades de mar das Xornadas Mariñeiras Muros Mira ao Mar.
Nesta XXI edición participaron un total de 23 barcos (bucetas, lanchas xeiteiras, galeóns, dornas, botes, gamelas, motoras, racús ou loros) e máis de 80 tripulantes procedentes das distintas asociacións federadas en Culturmar, ás que queremos agradecer expresamente o esforzo de colaborar nesta mostra do noso rico, diverso e dinámico patrimonio marítimo.
A frota tradicional foi a protagonista da xornada inaugural saudando coas súas velas ás autoridades e numerosas persoas que se congregaron para desfrutar deste espectáculo que simboliza o valor histórico e cultural dos nosos barcos tradicionais.
Ademais da navegación pola ría e das visitas guiadas, durante toda a fin de semana, as persoas que visitaron a Mariña Tradicional – Mardevelas puideron compartir a súa propia cultura mariñeira a través de dous paneis que contiñan vocabulario relacionado coa construción e aparellado dos barcos, así como outro no que o público compartiu o seu propio léxico mariñeiro ou expresións relacionadas co mar, actividades ambas enmarcadas na temática que preside a XXI edición desta festa mariñeira, co lema “Un Mar de Fala”.
A Mariña Tradicional de Muros despide aos barcos que nos visitaron pero permanece aberta durante todo o ano para achegar dunha forma máis directa este patrimonio a todas aquelas persoas interesadas na nosa cultura mariñeira e na navegación tradicional.
Nesta Mariña Tradicional seguiremos desfrutando das bucetas, canoas e lanchas xeiteiras típicas da ría, así como do emblemático galeón Abelleira, barco construído na década dos 40 do pasado século e que ten, polo tanto, cunha enorme historia que contar.
Todo este patrimonio, que se vén mantendo co esforzo das asociacións e, no caso de Muros, co apoio do Concello e da Deputación Provincial da Coruña, precisa con todo dunha maior implicación por parte das institucións públicas. En particular, é obrigado darlle un apoio moito máis decidido ao galeón Abelleira, un barco que polas súas dimensións precisa dun alto investimento para o seu mantemento e dinamización. De igual xeito, é tamén necesario dotar á Mariña Tradicional de Muros – Mardevelas de espazos en terra onde as asociacións que traballan na cultura mariñeira poidan desenvolver o seu labor de dinamización e as súas actividades, concibidos como un centro auténtico cultural polivalente dirixido á actividade arredor da cultura mariñeira da nosa vila e da ría.
A Asociación Cultural Mar de Muros é membro fundador destas xornadas de cultura mariñeira e participa de xeito habitual nos labores organizativos formando parte do Comité Organizador, á vez que organiza a exhibición da frota tradicional acollendo embarcacións e tripulantes procedentes de diversas localidades galegas e pertencentes ás asociacións irmás federadas en Culturmar, coas que mantén unha estreita colaboración. O fin da asociacións é a salvagarda do rico patrimonio mariñeiro da nosa ría, así como da cultura das xentes do mar, para o cal desenrola durante todo o ano un programa de actividades arredor da nosa frota, que inclúen a navegación e máis tamén as técnicas de mantemento dos barcos e moitas outras actividades.