A flota de Mar de Muros xa está no Freixo…

… fondeada xunto coas embarcacións da ACC Terra de Outes e lista para participar na “1ª Feira Náutica do Freixo”.

Esta semana aproveitamos que o mar nos “botaba para dentro” (ás veces demasiado, con ese balanceo propio do mar de popa e pouco vento, de popa tamén), para poder remontar a canle da Creba, onde toda axuda é pouca…

Coa marea xa baixando, o seguinte obstáculo a superar era o banco da Misela no que, como nos viña o vento do norte, foi preciso meterse para alongar algúns bordos, pero do que pronto houbo que saír para non quedar alí varados…

Aproveitamos o bo vento para acercarnos ata Broña (chegamos alí no último bordo), onde viramos e enfilamos xa cara ao Náutico, co fin de entrar axudados pola corrente do río.

E como bos anfitrións, os do Freixo mandaron ao seu mellor embaixador, Manoliño (o arroaz residente da ría), que estivo un rato xogando con nós (aínda que un cabo non nos quixo dar para axudarnos na remontada…).