A fin de semana do 24 ao 26 de xullo deste 2026 a nosa asociación participou coa buceta Mar de Muros e co bote Raqueiro nas actividades organizadas pola Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu, que xuntou nesta nova edición dúas ducias de barcos tradicionais pertencentes a varios colectivos de Culturmar e procedentes de diferentes localidades galegas.
Durante a fin de semana tivemos ocasión de asistir ás actividades programadas, entre as que destacan a demostración do encascado tradicional ou da arte da rapeta, ou ás animadas actuacións de Cé Orquestra Pantasma e da Máquina de Meter Medo. E por suposto, a nosa tripulación participou nas navegacións programadas para o sábado en sesións de mañá e tarde e para o domingo á mañá.
A primeira navegación do sábado contou con pouco vento, condicións que mudaron radicalmente pola tarde, en que entrou vento forte de NO que levantou o mar e fixo que esta navegación resultase especialmente exixente.
Na mañá do domingo as condicións melloraron e puidemos desfrutar de novo dunha navegación tranquila entre Bueu e Beluso. Unha vez rematada a navegación, coa entrada a porto procedemos aos labores de varada dos barcos co que demos por finalizada a nosa estadía en Bueu.
Desexamos enviar á xente dos Galos unha aperta, o noso agradecemento pola súa acollida e tamén os nosos parabéns polo enorme traballo desenvolvido nestes días e polo éxito destas xornadas de convivio e cultura mariñeira.
Até a proxima!
Agosto 2026

Panorámica da nave dos Galos onde se serviron as comidas

Resultado do encascado da velas

O Raqueiro navegando polo mar de Bueu
